Netflix comeza a operar en España ofrecendo o primeiro mes de balde

martes, 20 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Tras unha longa espera, xa está dispoñible dentro do territorio español o servizo de vídeo baixo demanda ix, que facilita a reprodución de películas e series de televisión en calquera momento e lugar no que o usuario teña acceso á Rede a través dun amplo abano de dispositivos por un prezo que parte de 7,99 euros/mes, podendo gozar do primeiro mes totalmente de balde.
O feito de que podamos gozar de Netflix en Smart TV, PlayStation, Xbox, Chromecast, Apple TV, reprodutores Blu-ray, iPhone, iPad, dispositivos con Android, móbiles con Windows Phone e ordenadores persoais fai que este servizo estea moi adaptado aos hábitos de consumo actuais, nos que os espectadores buscan tanto unha solución multi-plataforma como a posibilidade de non depender de horarios, xa que os contidos ofrécense á carta. Pero non só a plataforma tecnolóxica resulta atractiva, senón que tamén o catálogo de contidos é moi importante pois, aínda que en España comece cunha selección moi pobre (se a comparamos coa de EE.UU.) é máis que suficiente como para xustificar os seus prezos, en boa medida porque para a súa contratación simplemente precisamos dunha boa conexión á Rede, e non de ter contratado algún servizo de televisión de pagamento adicional.
Netflix ofrécese en 3 plans distintos: básico (7,99 euros/mes) con vídeo en definición estándar e reprodución en só 1 dispositivo á vez; estándar (9,99 euros/mes) con vídeo en alta definición en até 2 dispositivos simultáneos; e premium (11,99 euros/mes) con contidos até en ultra alta definición en até 4 dispositivos á vez. Temos así que o usuario, para elixir o paquete que quere contratar (sen compromiso de permanencia), non só ten que atender á calidade de vídeo, resultando bastante máis importante a cantidade de fluxos de vídeo que poden reproducirse á vez, pensando no núcleo familiar (o que levaría a que moitos optasen polo plan premium pese a non contar cun televisor 4K). O sistema tamén permite xestionar distintos perfís de usuario, para que se adapte ás recomendacións de cada un e para, por exemplo, poder establecer configuracións infantís para garantir un uso para todos os públicos do servizo.
Sobre o tipo de conexión precisa para as distintas calidades de vídeo, para gozar da conexión estándar recoméndase un acceso á Rede de 1,5 Mbps; para alta definición chegaría unha conexión de entre 5 e 7 Mbps; e para UHD recoméndase un acceso de entre 15 e 17 Mbps. Cómpre destacar que, de quere gozar de varias conexións simultáneas a esixencia de largo de banda multiplicaríase, o que fai doado entender que en horario de prime time o 36,5% do tráfico de Internet nos EE.UU. corresponda unicamente a Netflix.
Volvendo aos contidos que ofrece Netflix en España, temos series exclusivas como Daredevil, Sense8, Narcos ou Marco Polo, a primeira tempada de Orange Is The New Black e House of Cards (series orixinais de Netflix das que carece dos dereitos de explotación para España dos novos episodios por estar a ser distribuídos por outras canles), numerosas películas e series de televisión, material español (películas como Torrente, Tapas ou Combustión e series como Ruy, el pequeño Cid, Velvet ou El Ministerio del Tiempo) e incluso algún material en versión orixinal (cos seus correspondente subtítulos en español) entre os que destaca unha boa selección de documentais. Unha oferta audiovisual que poderá probarse de balde durante un mes para comprobar se compensa a subscrición a este servizo que non está lonxe de ser o que o público esperaba (pola limitación do seu catálogo) pero que pode ser máis que dabondo para quen quere gozar de contidos organizados, de alta dispoñibilidade e sen complicacións para consumir nos momentos de lecer.

PUBLICIDADE