NameTag quere levar o recoñecemento facial a dispositivos móbiles

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O recoñecemento facial podería dar pasos de xigante nos vindeiros anos grazas a dispositivos como las lentes de Google ou os nosos propios smartphones, e unha das compañías que quere contribuír a tal finalidade é FacialNetwork.com, que está a desenvolver actualmente NameTag, unha aplicación para dispositivos móbiles (que tamén pretende estar dispoñible para Google Glass) que empregará como fonte de información as fotografías dos perfís de páxinas web de citas, para facilitar que poidamos identificar no mundo a milleiros de persoas na procura de parella, aínda que tamén pretenden incorporar á base de datos máis de 450.000 entradas do rexistro estadounidense de agresores sexuais (información que pode resultar bastante polémica, pero que sen dúbida pode resultar de utilidade á hora de evitar riscos).
NameTag podería servir así para conseguir unhas interacción sociais no mundo real máis seguras, á vez que facilitaría que completásemos a información sobre a xente que temos ao noso redor partindo dos seus perfís en liña, de xeito que se identificamos a unha persoa podemos consultar a súa presenza en LinkedIn ou Facebook, ou incluso a súa ficha en Match.com ou OkCupid.com, para saber se está dispoñible.
Esta solución asegura que respectará a privacidade da xente, permitindo que os usuarios poidan decidir se a súa información estará visible en NameTag, e incluso poderá definirse que durante horas de traballo estea dispoñible unha información, e que os datos amosados no tempo de lecer sexan outros. Ábrese así todo un mundo de posibilidades que haberá que agardar para ver se son socialmente aceptadas, pois tecnoloxicamente non parecen ter problemas, agardándose a publicación da estrea da aplicación de NameTag para este mesmo trimestre para iOS e Android, confiando en que Google tamén autorice o seu uso nas súas lentes (aínda que xa teñen manifestado dúbidas sobre a posibilidade de permitir este tipo de tecnoloxía ante o potencial abuso da mesma).


Vídeo de demostración da tecnoloxía de NameTag

PUBLICIDADE