Música, teatro, arte e software libre, en vivo nunha nova edición de Festigal

xoves, 19 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A sexta edición do Festigal xa se ve ó lonxe. Trátase dun festival multitemático e interdisciplinar que discorre paralelo en Santiago ás Festas do Apóstolo, un espazo independente para os galegos e galegos que se vexan afogados pola oficialidade dos programas desenvolvidos por comisións de festexos vitalicias. A idea de Festigal é non ofrecer só música e circuítos pechados. Quen queira audiovisual, arte e coñecemento de Internet (co software libre servindo de alicerce) vai atopalo. As actividades celebraranse un ano máis no Campus Sur de Santiago, os días 24 e 25 de xullo, e están organizadas por Festigal, GMS. Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova.
O programa recolle temas ligados coma os dedos dunha man: música (Loretta Martin, Babylon Circus, Terrakota, Dj Missill, Fía na roca, Nancy Vieira e Kroke), proxección de documentais, libros, teatro e encontros sobre as vantaxes do software libre.
Estes contarán coa colaboración da plataforma mancomun.org e dos grupos de usuarios e deseñadores de programas de código aberto de Galiza que forman parte dela: Agnix, Glug, Compostela Wireless e Galpon. Amais, tamén haberá espazo para a animación, unha festa de asociacións galegas de obxectivos diversos e un escenario para o debate (Galería de Ideas) no que se afondará polo miúdo en temas como a globalización e o intre político do Estado español. Sinalar ademais que está prevista a instalación de máis de trinta carpas para as dúas xornadas de actividades e de que a programación será continua dende o mediodía do 24 de xullo. Tamén haberá zona para acampada.

PUBLICIDADE