Mundos Dixitais acolle a presentación de audiovisual galego de vangarda perante máis de 400 profesionais

venres, 9 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O recanto da Secretaría Xeral de Medios na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña

Entre as achegas audiovisuais e de lecer dixital que están a pasar estes días por Mundos Dixitais hai, tratándose como se trata dun encontro profesional galego (malia que na páxina web do evento non se inclúa a nosa lingua), unha importante presenza de obras feitas dende a nosa terra. Deste xeito, á intervención onte de Fernando Cortizo na sede deste festival (director de O Apóstolo, ambicioso filme de tecnoloxía stop-motion que xira arredor do Camiño e que ten prevista a súa estrea nas pantallas para este verán) cómpre engadir a de Alberto Rodríguez, profesional da animación cuxa estreita ligazón co sector galego frutificou en pezas como O bosque animado. Amais destes representantes do noso audiovisual de vangarda, tamén están a participar no evento coruñés os profesionais dos estudos Dygra (que andan avanzando as innovacións de Holy Night, filme dixital en 3D que ten programada a súa estrea para o Nadal) e máis a Secretaría Xeral de Medios a través de diversas iniciativas ligadas a Galiciadixital.
Unha delas é a presentación da Meta do Camiño, unha curta interactiva que sorprende pola súa achega de efectos especiais e que se está a proxectar na sede de Mundos Dixitais (a Fundación Caixa Galicia da Coruña) dende o pasado mércores, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. A peza, á que non lle falta auditorio (as catrocentas persoas que están a participar no festival, amais de outros visitantes), trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Un dos puntos de meirande interese desta curta é que permite o acceso, aínda que nun plano virtual, a lugares da catedral aos que de xeito moi difícil poderíamos chegar en circunstancias normais, como por exemplo o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o botafumeiro.
Amais das achegas devanditas tamén está prevista a intervención hoxe a partir das 16.00 horas de Javier Romero, supervisor de efectos especiais de Ilion Animation Studios (empresa responsable de Planet 51, esperado filme de animación en clave futurista) e previamente responsable dos mesmos labores nas firmas galegas Dygra e Bren.

PUBLICIDADE