Mundos Digitales organiza en Valladolid unha xornada sobre rodaxes virtuais

luns, 2 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media nacido hai máis de dúas décadas na Coruña terá unha nova cita na Feira de Valladolid, o vindeiro 20 de outubro (coincidindo coa Semana Internacional de Cine de Valladolid, SEMINCI), para abordar diversos temas que afectan ás rodaxes virtuais, e no que se tratarán temas como os retos técnicos e artísticos que presentan os estudios de LED e produción sobre croma, planificación e coordinación entre departamentos multidisciplinares que requiren, preprodución e postprodución ou a xestión de equipos de produción, entre outros.
Ademais, presentaranse os avances realizados na creación do futuro Libro Branco das Producións Virtuais. As rodaxes virtuais son unha realidade cada vez máis estendida e que se está aplicando en todo tipo de producións, xa sexa no cinema, a publicidade, os videoxogos ou os efectos visuais. No marco do Plan España Hub Audiovisual impulsado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Spain Film Commission e como unha das súas 3 liñas estratéxicas, inclúese a contribución á transformación do sector audiovisual español. Nesta presentación, algúns dos participantes no proxecto, amosarán o estado actual e futuros pasos do que será o Libro Branco da Produción Virtual. Este proxecto, presentouse en primicia o pasado mes de xullo na Coruña, e do que Spain Film Commission encargou a redacción de todo o relacionado cos aspectos tecnolóxicos do mesmo a Mundos Digitales.
As rodaxes virtuais, implican un novo modelo de negocio e de creación audiovisual que require de innovadoras instalacións, novas contornas de rodaxe e onde o Proxecto CEI (Coruña Estudo Inmersivo), promovido pola Deputación da Coruña, contará na Cidade das TIC cun Plató Virtual que será o referente nacional en instalacións destas características.

PUBLICIDADE