Móbiles e tabletas con Windows reciben o xogo Sonic Dash

xoves, 4 de decembro do 2014 Marcus Fernández

En 2013 SEGA estreou en dispositivos móbiles un runner inspirado no ourizo azul Sonic, que era unha aplicación de pagamento, que co tempo foi adaptando o seu modelo de negocio ás tendencias actuais de aí que agora Sonic Dash vexa a luz como un título de balde tanto en Windows Phone 8 como en Windows 8, de xeito que os usuarios de teléfonos e tabletas co sistema operativo de Microsoft poden gozar deste divertido xogo de esquivar obstáculos mediante xestos co dedo sobre a pantalla.
Neste xogo controlamos inicialmente a Sonic (aínda que poderemos ir desbloqueando outros personaxes como Tails, Shadow e Knuckles) e deberemos percorrer distintos escenarios a toda velocidade recollendo aneis e evitando numerosos perigos que van xurdindo no camiño, contando tamén con épicas batallas con xefes finais que engaden un reto adicional que supón unha evolución fronte a outros runners como Temple Run, casando moi ben coa franquía de Sonic (especialmente nas entregas en 3D da mascota de SEGA).
O xogo continuará a prosperar mediante actualizacións de balde, aínda que tamén é posible pagar con cartos reais para facilitar a superación de certos atrancos, fórmula que habitualmente resulta máis rendible para as compañías que a venda directa dos xogos descargables para móbiles, xa que de conseguir unha boa masa de usuarios rematan conseguindo uns ingresos superiores e, especialmente, distribuídos no tempo (en vez de depender todo o desenvolvemento no pulo inicial de cada título).

Cada nivel inclúe enfrontamentos a coñecidos inimigos de Sonic aos que haberá que superar, o que engade diversión á fórmula básica dun runner

PUBLICIDADE