Minecraft supera os 300 millóns de copias vendidas

luns, 16 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Adiantándose a que en poucos meses o Minecraft cumprirá os seus 15 anos, decidiron anunciar numerosas novidades relativas ao xogo e aproveitar para facer balance do seu éxito, salientando que veñen de superar a barreira dos 300 millóns de copias vendidas, quedando moi lonxe do seguinte xogo en volume de vendas (Grand Theft Auto V con 185 millóns de copias).
Dado que Minecraft é un único xogo, e non unha serie, poderiamos consideralo como o videoxogo máis vendido da historia, aínda que é difícil chegar a un consenso ao respecto, xa que o Tetris estaría preto dos 500 millóns de copias, pero con versións para moitas plataformas con cambios dabondo como para consideralos xogos diferentes, sendo probablemente a versión máis popular a de Game Boy, que vendeu máis de 30 millóns de copias.
Non sabemos que sorpresas prepararán para cando o xogo chegue aos 15 anos dende a súa publicación, pero o que resulta evidente é que conserva a súa boa saúde e segue a ser capaz de atraer novos xogadores mes a mes, cun nivel de actividade que poucos xogos conseguen a tan longo prazo.

Destacan algúns datos curiosos de Minecraft no momento no que supera os 300 millóns de copias vendidas

PUBLICIDADE