Mike Tyson será un loitador desbloqueable en EA Sports UFC 2

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A franquía de xogos de Ultimate Fighting Championship xa está consolidada nas consolas de nova xeración, de xeito que o 15 de marzo teremos nas tendas EA Sports UFC 2 en versións para Xbox One e PlayStation 4, e que vai achegar unha grata sorpresa: a incorporación de Mike Tyson como loitador desbloqueable (na liña do que fixeron no pasado con Bruce Lee). De feito, Tyson será un dos grandes incentivos para facerse co xogo en reserva, xa que quen merque o título anticipadamente poderá desbloquear ao célebre boxeador o primeiro día, en vez de ter que ir progresando no xogo para poder facelo.
Como curiosidade temos que Tyson non será un único personaxe, senón que chegará en dúas encarnacións: Iron Mike Tyson (versión do boxeador dos anos oitenta, cando estaba na cima do seu deporte) e Legacy Mike Tyson (que presenta a súa estética actual, coa cabeza afeitada e unha tatuaxe adornado a súa faciana).
Con EA Sports UFC 2 increméntase a lenda de Tyson no mundo dos videoxgos, pois xa protagonizara o Mike Tyson’s Punch-Out para a clásica NES (que tivo incluso adaptación para dispositivos móbiles), apareceu en xogos de boxeo modernos como Fight Night Round 4 e incluso foi un loitador convidado no xogo de loita libre WWE 13.

Tráiler de presentación de Mikey Tyson no novo xogo da UFC

PUBLICIDADE