Microsoft xubila a Enciclopedia Encarta

martes, 31 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os días da Enciclopedia Encarta e os seus servizos asociados están a chegar á súa fin, en boa medida polo éxito doutros servizos en liña como a Wikipedia, e así, en xuño deixará de venderse a aplicación Microsoft Student con Encarta Premium e o 31 de outubro cesarán tamén a súa actividade vía web (agás no Xapón, onde a web continuará ata finais de ano).
O servizo MSN Explorer continuará a operar, pero deixará de contar cos contidos de Encarta nas súas páxinas web a partir do outono, o que parece a crónica dunha morte anunciada, pois hai tempo que a Encarta perdeu a visibilidade que tiña hai anos.
Antes da popularización da Internet era unha das grandes estrelas de Microsoft no mercado doméstico, pero incluso a súa aproximación á web coma complemento non chegou para potenciar este produto que non pode competir con solucións semellantes de balde.

PUBLICIDADE