Microsoft renova a súa plataforma de xogo en rede para Windows

xoves, 13 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Ao igual que se prepara a renovación da interface de uso de Xbox 360, os usuarios de PC tamén ven cómo Microsoft renova o servizo de LIVE para Games for Windows, de xeito que cando executen algún dos xogos que soporten esta plataforma de xogo en rede se lles informará dunha actualización da mesma, que incorpora unha nova interface de usuario e un Bazar semellante ao de Xbox 360, que permite a descarga de trailers e demos, así como a descarga de contidos para os xogos.
Ata o momento só hai unha ducia de xogos con soporte de Games for Windows LIVE, entre os que están títulos de grande calidade como Fallout 3, Lost Planet, Gears of War ou Halo 2, e máis recentemente se incorporan á familia GTA IV, Quantum of Solace e Warhammer 40.000.
Aínda que o LIVE para Windows sexa de balde, o novo Bazar cobrará por moitos dos seus contidos cando comece a operar a primeiros de decembro, aínda que a súa estrutura de prezos está por anunciar.

PUBLICIDADE