Microsoft presenta o seu Office 2010

xoves, 13 de maio do 2010 Marcus Fernández

Stephen Elop, presidente da división de empresas de Microsoft, amosando o Office 2010 en New York

Nas últimas horas Microsoft presentou oficialmente a nova versión do seu paquete ofimático, o Office 2010, que incorporará numerosas novidades en aplicacións de escritorio tan populares coma Word, Excel, Outlook e PowerPoint, especialmente no tocante á súa relación coa web, pois tamén estrean Office Web, versión en liña desta suite, que tamén completarase cunha versión móbil destas aplicacións.
A versión en liña do Office será de balde e estrearase o vindeiro 15 de xuño, mentres que a versión móbil está xa dispoñible para terminais equipados co Windows Mobile 6.5, estando en preparación unha versión para Windows Phone 7 que sairá a finais de ano (cando saia a nova versión do sistema operativo móbil de Microsoft). Estas ferramentas tamén estarán dispoñibles para certos móbiles de Nokia, mentres que o resto de smartphones do mercado (coma o iPhone) poderán achegarse aos documentos de Office a través da súa versión web.
O Office 2010 destaca pola súa boa integración con Windows 7, pero tamén pola súa orientación á Internet e ás posibilidades de colaboración en liña. Na presentación do produto realizada por Microsoft en New York puideron verse exemplos de uso do Office 2010, como a retransmisión dunha presentación de PowerPoint a través da web, dando a impresión de que a compañía de Redmond está a protexerse de Google Docs, solución web de balde que podería erosionar o mercado das aplicacións ofimáticas de escritorio.
Dende Microsoft teñen claro que a versión web do seu Office busca só achegar funcións básicas de edición e compartición de documentos, de xeito que o usuario final poida experimentar un mellor uso coa aplicación de escritorio, que debería ter un valor engadido que xustifique a súa compra.
A versión corporativa de Office 2010 está xa dispoñible, mentres que os usuarios domésticos poderán facerse coa mesma a partir do mes de xuño, aínda que os consumidores que adquirisen Office 2007 despois do 5 de marzo poderán gozar dunha actualización a Office 2010 de balde.

PUBLICIDADE