Microsoft prepara o peche de dous dos seus estudios de desenvolvementos de videoxogos

luns, 7 de marzo do 2016 Marcus Fernández

No sector do mundo dos videoxogos toma sempre un rol moi importante os estudios first party, ou sexa, os que operan no seo da compañía que fabrica as propias consolas, como un xeito de lanzar produtos exclusivos que saiban aproveitar ao máximo o potencial do seu hardware e realizar innovacións para así atraer usuarios, pero non sempre funcionan como é debido, e iso leva a que Microsoft Studios vaia vivir unha dura reestruturación en Europa, que polo momento supón o cesamento do desenvolvemento de Fable Legends (xogo de rol de acción free-to-play que xa estaba na súa fase de beta pechada). Esta difícil decisión vai seguida pola negociación para o peche de Liionhead Studios no Reino Unido e, a maiores, tamén anuncian que os responsables do Project Knoxville, os daneses Press Play Studios, tamén botarán o peche.
Se ben Press Play Studios non gozan de grande recoñecemento, no caso de Lionhead Studios a cousa é ben diferente, xa que trátase dun equipo moi ligado á madurez da marca Xbox, xa que foron os responsables da franquía Fable, nacida coa primeira Xbox, conseguindo tamén bastante sona grazas ás distintas entregas de Black & White (simulador de deus que collía o relevo de Populous, co que compartía deseñador).
O adeus a estes dous estudios farase notar, aínda que dende Microsoft aseguran que van continuar a apostar polo desenvolvemento de videoxogos en Europa, o que demostran grandes xogos como o inminente Quantum Break de Remedy.

Tráiler do agora cancelado Fable Legends

PUBLICIDADE