Microsoft podería permitir a execución de aplicacións de Android baixo Windows

mércores, 12 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Tras a nova do The Wall Street Journal comentando que Nokia podería presentar no Mobile World Congress de Barcelona un smartphone con Android, dende The Verge chegan agora adiantando novos detalles de Microsoft sobre o sistema operativo de Google, que irían máis aló de crear unha versión de Android fóra do control de Google, facilitando a execución de aplicación de Android baixo Windows, o que actualmente é posible grazas a solucións como BlueStacks.
Ao parecer, dende Microsoft non só están a estudar a posibilidade de permitir a execución de aplicacións de Android en Windows, senón tamén en Windows Phone, o que semella unha decisión bastante polémica, pois se ben facilitará que as novas aplicacións de moda puidesen gozarse rapidamente no sistema operativo de Microsoft, podería levar a que as compañías deixasen de desenvolver aplicacións para o mesmo, danándoo de morte.
Cómpre lembrar que Samsung anunciou o ano pasado o seu GALAXY ATIV Q, un equipo convertible que funcionará con Windows 8 e Android 4.2.2 ao mesmo tempo, pero finalmente o seu lanzamento adiouse indefinidamente, polo que é posible que prefiran agardar a que a propia Microsoft sexa a que facilite a integración de ambas plataformas.

PUBLICIDADE