Microsoft podería lanzar un Office táctil para Android antes que para Windows

martes, 3 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Que Microsoft lanzase unha versión táctil do seu Office para iPad antes que para Windows 8.1 pode resultar rechamante, pero responde claramente ao feito de que hai moitos máis tablets con iOS que con Windows 8.1 no mercado e, ao parecer, Microsoft vai repetir a xogada, e está a preparar unha versión do seu Office para Android, que volvería a anticiparse á versión para o sistema operativo da compañía de Redmond.
Aínda que hai rumores que apunten a que o Office táctil para Windows podería chegar no outono, parece máis realista agardar á primavera de 2015 para poder velo, tendo que conformarse os usuarios das plataformas de Microsoft con gozar da versión ordinaria da súa suite ofimática (que por outra banda, inclúese de balde en boa parte dos tablets con Windows 8.1 actuais, o que continúa a ser un bo incentivo para apostar pola plataforma de Microsoft).
Pese a que o mercado empurra polos servizos na nube, o Office de Microsoft continúa a ser unha grande fonte de ingresos, e a resposta de Microsoft para achegar ao maior volume de usuarios posibles é algo sobre o que non hai dúbidas, especialmente dende que Satyan Nadella está ao volante da compañía, pois non cre que sexa imprescindible que os seus produtos e servizos cheguen antes aos usuarios de Windows, en contraste coa anterior dirección.

PUBLICIDADE