Microsoft Office estrea versión para iPad

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O novo conselleiro delegado de Microsoft, Satya Nadella, asegurou ao tomar posesión do seu cargo que a compañía ía dar prioridade aos sectores do móbil e a nube, e para confirmar o seu compromiso conxunto nestes ámbitos que consideran que teñen que ir ligados presentaron hoxe as aplicacións de Microsoft Office para iPad que, seguindo a liña da aplicación para iPhone, poden descargarse de balde no tablet de Apple, aínda que precisan dunha subscrición ao servizo Office 365 para funcionar plenamente.
Desta volta son tres as aplicacións dispoñibles (Microsoft Word, Microsoft Excel e Microsoft PowerPoint), que poderán empregarse de balde para ler documentos, mentres que a edición quedaría reservada para subscritores. Deste xeito Microsoft pecha o círculo do Office, que está así presente en ordenadores, smartphones e tablets, o que permite que os documentos que editemos nunha plataforma estean dispoñibles dende as outras empregando OneDrive como almacenamento.
As aplicacións de Office para iPad contan como grande vantaxe manter a compatibilidade absoluta cos formatos de ficheiro de Microsoft (mentres outras aplicacións non sempre respectan os formatos dos ficheiros) e a súa interface de usuario, que xa é coñecida de sobra polo usuario, familiarizado co Offce de escritorio. Dende hoxe están dispoñibles para iPad en 29 idiomas, e supón un avance máis de Microsoft para transformar o software en servizo.
Dado que as novas apps para iPad son de balde, e para fomentar a contratación de Office 365, é posible probar de balde o servizo de subscrición de Microsoft durante un mes, o que facilita que os usuarios poidan comprobar o bo funcionamento da suite ofimática de Microsoft en multiples plataformas á vez, cubrindo unha licenza da versión doméstica ata 5 dispositivos (entre ordenadores PC ou Mac e tablets).
Cómpre destacar que a obriga de subscribirse a Office 365 en dispositivos móbiles só existen en Android e iOS, mentres que os usuarios das aplicacións de Office para Windows Phone e Windows RT/8.1 poden empregar todas as funcionalidades sen tal limitación, o que supón un importante valor engadido (polo aforro económico que supón optar polo ecosistema nativo de Microsoft).


Vídeo de presentación de Office para iPad

PUBLICIDADE