Microsoft podería estar a traballar nun sistema de detección de movemento aplicado aos videoxogos

luns, 4 de maio do 2009 Marcus Fernández

Dende Engadget dan conta dunha iniciativa de Microsoft para crear un sistema de detección de movementos que iría máis aló do popular mando da Wii, e que permitiría realizar xogos para Xbox 360 que se puidesen manexar movendo todo o corpo ou facendo xestos coas mans. Deste xeito, cunha especie de barra de detección de movementos, unha cámara e un micrófono poderiamos dar patadas e puñadas ao aire, agacharnos ou saltar para que o noso personaxe nun xogo de loita nos imitase, pero tamén sería posible facer pequenos movementos coas mans para manexar distintos contornos, discriminando ao xogador principal doutras persoas que houbese ao seu redor (que serían ignoradas). O sistema tamén serviría para facer videoconferencias e videoxogos ao máis puro estilo do EyeToy de PS2.
Aínda que este tipo de sistema pode parecer moi posible, non está confirmado en absoluto, e podería tratarse tanto dun bulo como dunha idea que non chegue a verse nun produto final, polo que habería que ser prudente á hora dar creto a este tipo de novas.

PUBLICIDADE