Microsoft permite controlar presentacións de PowerPoint mediante o Apple Watch

martes, 21 de abril do 2015 Marcus Fernández

As aplicacións para iOS levan días recibindo actualizacións para adaptarse ao Apple Watch, dispositivo que o vindeiro venres comezará a entregarse aos seus compradores nun volume bastante limitado inicialmente, resultando especialmente rechamante que unha das compañías que máis está a avanzar nesta liña sexa a propia Microsoft, que estes días actualizou algunhas das súas aplicacións para engadirlles funcionalidades que funcionarían co novo reloxo de pulso de Apple.
Unha das aplicacións renovadas é a de OneDrive para iOS, que engade a posibilidade de visualizar as fotografías almacenadas na nube de Microsoft dende o reloxo, amosando as imaxes máis recentes (e permitindo borralas) ou permitindo tamén visualizalas a partir de buscas por etiqueta ou en álbums.
Máis rechamante é a actualización do Microsoft Office para iOS, que na súa versión 1.8 inclúe a posibilidade de controlar unha presentación de diapositivas nun iPhone dende o Apple Watch, dispositivo que, aparte de permitir navegar entre as dispositivas, tamén amosa o tempo transcorrido da presentación, o número de diapositiva actual e o número total de diapositivas, información realmente útil durante unha presentación pública.

PUBLICIDADE