Microsoft mellora o servizo de comunicación integral de Telefónica

martes, 17 de xuño do 2008 Raquel Noya

Telefónica e Microsoft veñen de asinar en Madrid un acordo de colaboración que definen como “estratéxico para o mercado español” grazas ó cal a operadora internacional incorporará as solucións ofimáticas e Comunicacións Unificadas de Microsoft ó seu servizo Corporate IP.
Con esta iniciativa, as dúas grandes da comunicación pretenden “xerar contornos de alto rendemento” e mellorar a produtividade das grandes empresas e institucións deste país, permitíndolle aos seus usuarios o acceso a servizos como directorios, axendas, mensaxeiría instantánea, correo electrónico, presenza e multiconferencia de xeito doado e cómodo. As compañías que contraten este servizo poderán, asemade, realizar reunións virtuais integrando datos, contidos de voz, vídeo e texto, favorecendo unha comunicación e colaboración en tempo real e dende distintos lugares.
O devandito acordo tamén inclúe un calendario para a dispoñibilidade das novas solucións ó longo do ano 2009 grazas ás cales, as corporacións poderán dar mellor resposta ás súas situacións críticas incrementando a colaboración entre os profesionais e os equipos de traballo.
Segundo vén de indicar o director de Grandes Empresas de Telefónica España, Javier Aguilera, estes servizos de Comunicacións Unificadas conxuntas de Telefónica e Microsoft “permitirán que as empresas poidan reducir custes e simplificar tarefas, mellorando considerablemente a súa produtividade”, o segundo gran obxectivo de moitas das grandes empresas do mundo logo da seguridade informática.
Neste senso, rachar a fenda entre servizos de voz, de datos e aplicacións informáticas implica un considerable aforro no tempo de xestión que empregan os traballadores nas súas rutinas laborais diarias, tanto que, segundo vén de afirmar Telefónica, suporán un “aforro de 32.000 horas anuais nunha entidade con preto de 10.000 empregados”.

PUBLICIDADE