Microsoft lanza un parche de emerxencia para corrixir os fallos do Explorer

mércores, 17 de decembro do 2008 Raquel Noya

Logo de que varios medios de comunicación anunciasen a “existencia dun fallo” que comprometía a seguridade do Internet Explorer, o xigante do software, Microsoft, vén de anunciar a publicación dun parche de emerxencia para o seu navegador, sobre todo, para evitar que os seus usuarios se vexan na obriga de cambiar a unha aplicación rival.
O rápido lanzamento desta actualización “de urxencia”, que será distribuída a través dunha actualización automática, reflicte a importancia do problema; algo que era confirmado polos responsables da compañía de seguridade Trend Micro a través da axencia AFP.
Malia que a multinacional confirmou que o fallo podería afectarlles a practicamente tódalas versións do seu Internet Explorer, tan só foron detectados ataques á versión 7 do navegador, máis iso si, todos eles considerados “graves”.
Este fallo de seguridade permite que un atacante remoto, mediante o emprego dunha páxina que inclúe un determinado código “malicioso”, poida facerse con control dun ordenador infectado e as autoridades cren que ata o de agora xa foron atacadas “máis de dous millóns de computadoras”.
Hispasec, o sitio especializado en seguridade informática vén de asegurar, porén, que os problemas de seguridade que lle afectaron ao Explorer, “tamén lles afectaron a outros navegadores como o de Mozilla ou de Opera”, aplicacións que veñen de actualizar os seus navegadores e de corrixir parte das súas vulnerabilidades.
Por exemplo, Mozilla actualizou o seu navegador Firefox que corrixe ata 11 fallos, 3 deles críticos e Opera vén de publicar a súa versión 9.63. Pola súa parte, Mac OS acaba de publicar unha das súas “macro-actualizacións”, que solucionan 21 fallos de seguridade do seu sistema operativo, varios deles relacionados con Safari.

PUBLICIDADE