Microsoft estrea o seu Solitario de balde para Windows Phone 8

venres, 27 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Tras ofrecer de balde aos usuarios de Windows Phone xogos clásicos como o Buscaminas ou o Sudoku, Microsoft estrea finalmente na súa tenda en liña a Microsoft Solitaire Collection, que supón o salto aos móbiles do título máis xogado de todos os tempos (por vir incluído no Windows durante numerosos anos), ofrecendo tanto o modo de xogo clásico (Klondike) como variacións posteriores (FreeCell, Spider, TriPeaks e Pyramid).
Este novo título para Windows Phone 8 integra logros de Xbox e taboleiros de puntuación en liña, animando aos usuarios a competir cos seus amigos para conseguir as mellores puntuacións neste imprescindible pasatempo.
Outro xogo que Microsoft tamén estreou hoxe para Windows Phone non é outro que o Mahjong, que consiste en localizar parellas entre as fichas exteriores dun taboleiro ata deixar a mesa baleira. Tamén aparece unha nova versión do Buscaminas (baixo o nome de Microsoft Mineseeper).

Os usuarios de Windows Phone 8 poden descargar de balde dende hoxe o xogo Microsoft Mahjong
Microsoft Minesweeper é unha das aplicacións que chegan hoxe de balde a Windows Phone

PUBLICIDADE