Microsoft espera pórlle freo ás copias piratas co seu novo sistema operativo

venres, 1 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

A práctica da piratería é unha das grandes bestas negras dos desenvolvedores e fabricantes de software propietario, e Microsoft non ía ser unha excepción á regra. A multinacional de Redmond, dalgún xeito representante no mundo deste tradicional xeito de entender o negocio do software, vén de mover ficha contra a distribución de copias ilegais dos seus programas. E fíxoo precisamente co seu novo gran programa, o seu sistema operativo Windows Vista, que a compañía entende como a posible solución a unha práctica, a da piratería, que lle costa ó ano miles de millóns de dólares.
Cómpre sinalar que Vista foi lanzando xa os días pasados para os clientes empresariais e que é a primeira gran actualización nun lustro do sistema Windows, que sigue a estar presente no 90% dos computadores do mundo.
Mais, en que pode consistir esta solución ó problema incluída no Vista e máis no paquete ofimático Office 2007? A resposta a esta pregunta está no sistema incluído de autentificación. Esta ferramenta chamada Genuine Advantage (que xa existía pero que agora aparece moito máis completa) permítelle a Microsoft verificar se as licencias dos usuarios son válidas e, a cambio diso, ofrécense servizos como por exemplo actualizacións de seguridade.
A idea non é facer desaparecer a piratería, pero si pórlle freo, co que se incrementarían de xeito considerable os beneficios da multinacional.

PUBLICIDADE