Microsoft defende a política de licenzas da Xbox One

xoves, 13 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A Xbox One de Microsoft está a ser moi polémica polos grandes cambios que supón para o mundo das videoconsolas (con medidas que, por outra banda, hai anos que se aplican no sector do PC), dando especialmente que falar a política relativa ao préstamo de xogos e á venda de segunda man, pero dende Microsoft defenden o seu novo modelo de licenzas para os xogos, que consideran que son moi razoables, aínda que aseguran entender as críticas polo grande cambio que supón non ter que meter o disco dun xogo na consola para botar unha partida.
Yusuf Mehdi, xefe de marketing de Xbox, asegurou que “estamos intentado facer algo realmente grande en termos de levar a industria adiante no mundo dixital. Cremos que o dixital é o futuro, e cremos que é mellor”, comparando o que buscan facer cos videoxogos co que pasou co consumo de vídeo (agora xa non temos que ir ao videoclub para alugar películas). Tamén detallou que a Xbox One permitirá compartir os xogos dixital e remotamente con ata 10 membros da familia (detallando que esta relación de confianza non se refire a consanguinidade, polo que podería aplicarse aos nosos mellores amigos sen problema, coa limitación de que só poderá empregar a copia dixital unha persoa de cada vez), facilitando tamén que poidamos gozar dos nosos xogos en casa dos amigos... e sen ter que cargar co orixinal, pois as licenzas dos xogos estarán na nube, e poderá comprobarse cales son os nosos xogos en calquera momento.
Sobre a segunda man, Mehdi asegura que só está a pór as ferramentas para controlar ese mercado nas mans do editores, que serán os que teñan a última palabra. Nun principio Microsoft só estaría a buscar un equilibrio entre o beneficio que acadan as tendas coa venda en segunda man e os ingresos das compañías que crean os videoxogos. De feito, de querer adoptar medidas máis drásticas, Microsoft podería ter optado por unha solución sen discos, na liña do que acontece con iOS e Android, onde os xogos carecen de soporte físico, pero preferiron manter os discos, aínda que permitindo tamén a opción de mercar os xogos directamente en dixital.

PUBLICIDADE