Microsoft avanza no metaverso

mércores, 3 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Mesh para Microsoft Teams é unha das novidades presentadas no Ignite 2021

A primeiros de ano Microsoft anunciou Mesh, o seu vindeiro paso na realidade mixta, que integraríase en Microsoft Teams e Microsoft Dynamics 365, e agora lembran o anuncio durante o evento Ignite 2021 adaptándose á nomenclatura que está a imporse nos últimos meses, de xeito que a este mundo dixital persistente conectado co mundo físico chamarano metaverso, na liña do que fai a compañía de Mark Zuckerberg.
Polo momento, inciden no feito de que Microsoft Cloud conta cun conxunto completo de recursos deseñados para impulsar o metaverso con, por exemplo, capacidades da Internet das Cousas para xerar xemelgos dixitais de obxectos físicos na nube, a mencionada plataforma Microsoft Mesh (que achegará unha sensación de presenza compartida e real sobre calquera dispositivo) e a integración da intelixencia artificial para achegar interaccións naturais a través de modelos de aprendizaxe automática de voz e visión.
No marco de Ignite, Microsoft presentou un par de novidades que inciden na evolución do metaverso: Dynamics 365 Connected Spaces (que achega unha nova perspectiva sobre o xeito no que as persoas se moven e interactúan con case calquera espazo e como se xestiona a saúde e a seguridade no contorno de traballo híbrido) e Mesh para Microsoft Teams (que busca que a presenza humana sexa a conexión definitiva, permitindo que as persoas que non poidan estar presentes nunha xuntanza de xeito físico poidan estar presentes mediante avatares personalizados e espazos inmersivos aos que pode accederse dende calquera dispositivo, sen precisar de equipos especiais).

PUBLICIDADE