Microsoft anuncia un xogo de Halo exclusivo para Windows 8 e Windows Phone 8

martes, 4 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Unha das franquías que marcou o éxito da Xbox 360 é sen dúbida a de Halo, pero Microsoft non quere deixala só nas súas consolas de videoxogos e busca levala a dispositivos táctiles con Windows 8 e Windows Phone 8, o que concretará o mes que vén en Halo: Spartan Assault, xogo situado entre Halo 3 e Halo 4, que explora as primeiras misións do programa Spartan Ops e enriquece a historia dos conflitos entre humanos e Covenant. O novo xogo permitirá seguir a acción dende os ollos da comandante Sarah Palmer ou do Spartan Davis.
Halo: Spartan Assault conta cunha campaña para un xogador con 25 misións en batallas nunca vistas no universo de Halo vistas dende unha perspectiva cenital, unha interface de uso que mesturará controis táctiles con outros sistemas de manexo (como o teclado e o rato), integración con Halo 4 (o xogo permitirá gañar puntos de experiencia e desbloquear emblemas para tal xogo), competición a través de paneis de puntuación en liña, logros e desafíos semanais e incluso compras dentro do xogo para adquirir actualizacións e acelerar o adestramento adquirindo créditos para conseguir potenciadores, armas ou armadura.
O seu prezo de venda será de 6,99 dólares nos EE.UU. (polo que entendemos que en España custará 6,49 euros).


Trailer de presentación de Halo: Spartan Assault

PUBLICIDADE