Microsoft anuncia os títulos de Games with Gold do mes de abril

xoves, 26 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Child of Light é un dos xogos que recibirán os usuarios de Xbox One

O mes pasado, ao darse a coñecer os xogos que poderían obter sen custo adicional os subscritores Gold a Xbox LIVE advertiuse de que en abril dobrarían o número de xogos dispoñibles a través do programa Games with Gold para celebrar os 100 millóns de descargas a través do mesmo, e finalmente sabemos os títulos que teremos en abril.
Deste xeito, durante todo o mes de abril os usuarios de Xbox One poderán facerse co novo xogo Pool Nation FX (que xusto verá a luz en abril e que ofrece unha experiencia de billar foto-realista) e o orixinal Child of Light (valorado en 14,99 euros).

Gears of War: Judgement poderase descargar durante a primeira metade de abril

Pola súa banda, os usuarios de Xbox 360 terán dispoñibles durante a primeira quincena de abril os xogos Gears of War: Judgement (valorado en 19,99 euros) e o independente Terraria (valorado en 14,99 euros), dando paso na segunda quincena a Assassin’s Creed IV Black Flag (valorado en 19,99 euros) e Army of Two: The Devil’s Cartel (valorado en 19,99 euros).
Temos así que os xogos de Xbox 360 en abril son produtos de primeira fila pertencentes a grandes franquías (coa excepción de Terraria), mentres que os títulos de Xbox One son máis modestos, en boa medida porque a nova consola aínda conta cun catálogo de xogos bastante limitado que facilite atopar títulos de fondo de catálogo para poder engadir a este tipo de promoción.

Na segunda metade de abril poderase descargar Assassin’s Creed IV: Black Flag para Xbox 360

PUBLICIDADE