Microsoft amosa as súas cartas no E3

luns, 6 de xuño do 2011 Marcus Fernández

A Xbox 360 permitirá o acceso a vídeos de YouTube

En vista dos poucos títulos exclusivos para Xbox 360 de aquí a final de ano parecía que 2011 ía ser un ano nefasto para a consola de Microsoft, aínda que quedaba a feira E3 para poder sorprendernos, e finalmente a compañía de Redmond superou as expectativas e realizou esta tarde unha conferencia de luxo na que impresionou á audiencia amosando numerosos xogos que aproveitarán a tecnoloxía de Kinect, pero que non irán dirixidos só a un público familiar como o actual catálogo de Kinect, agradando e ilusionando ao auditorio do Centro de Convencións de Los Angeles.

Mass Effect 3 aproveitará Kinect para algunhas funcións

Microsoft comezou forte, amosando unha versión de demostración de Modern Warfare 3, aproveitando a ocasión para anunciar que os contidos descargables desta nova entrega de Call of Duty chegarán antes a Xbox 360 que ao resto de plataformas de xogo.
Tomb Raider tamén tivo o seu momento, pero en vez de limitarse a amosar o novo trailer deste título, puideron verse imaxes do xogo en acción. Pero pasado tal momento, o evento de Microsoft centrouse nos xogos que facía uso de Kinect, comezando polos futuros xogos de EA Sports (FIFA, Madden NFL, Tiger Woods e un cuarto por anunciar) que serán compatibles con esta innovadora tecnoloxías, como tamén Mass Effect 3, xogo que empregará Kinect para seleccionar diálogos e dar ordes aos nosos acompañantes (deixando claro que non serve só para saltar e bailar).

Kinect confírmase como a aposta de futuro de Microsoft


Ghost Recon: Future Soldier será o primeiro FPS en facer un uso intensivo de Kinect

Posiblemente o aproveitamento de Kinect que resultou máis prometedor é o que fará Ghost Recon: Future Soldier, xogo de acción en primeira persoa que permitirá que empreguemos a tecnoloxía de detección de movementos para disparar e o recoñecemento de voz para seleccionar armas (entre outras características), o que demostraría que os xogos hardcore non quedan nun segundo plano na Xbox 360. Tamén confirmouse que as vindeiras entregas da franquía Tom Clancy’s serán compatibles con Kinect (lembremos que xa había algún título deste serie que permitía as ordes orais).
Aparte dos xogos, a Xbox 360 e Xbox LIVE tamén gozarán de novas prestacións, como o uso de Bing como un buscador por voz que facilite a xestión e o acceso a xogos e películas. Tamén facilitarán o acceso a YouTube dende Xbox LIVE (aínda que non se confirmou se estaría dispoñible globalmente ou só nos EE.UU.).
A Xbox 360 tamén terá novidades como un novo Dashboard cunha interface moi semellante o futuro Windows 8, maior soporte do recoñecemento de voz, almacenamento na nube dos perfís de usuario e as partidas gardadas e a posibilidade de establecer faros para que os nosos amigos saiban que desexamos xogar a un título determinado (aínda que esteamos a facer outra cousa coa consola como reproducir películas) e animalos así a xogar en rede.

Dance Central 2 soportará a 2 xogadores simultáneos

Volvendo aos xogos, amosouse unha demostración da campaña en modo cooperativo do moi agardado Gears of War 3, presentouse o trailer de Ryse (anteriormente coñecido coma Codename: Kingdoms, proxecto de Crytek para a Xbox 360 que será compatible con Kinect, de xeito que movendo brazos e pernas controlaremos a un soldado romano que fará uso de espada e escudo para derrotar aos seus inimigos), anunciouse para finais de ano un remake do Halo orixinal (para a primeira Xbox) baixo o nome de Halo: Combat Evolved Anniversary (incluirá cooperativo en liña, e mapas e gráficos remasterizados), sorprendeuse co trailer de Forza Motorsport 4 (xogo de carreiras de coches que tamén chegará este ano e aproveitará Kinect para o recoñecemento de voz ou para facer un seguimento da cabeza do usuario para cambiar lixeiramente a perspectiva das imaxes en pantalla), o anuncio de Fable: The Journey e Minecraft (si, ambos con soporte de Kinect), a demostración dos xogos Star Wars Kinect, Kinect: Disney´land Adventures (que permite levar aos cativos a un Disneyland virtual), Barrio Sésamo: Érase una vez un monstruo, Kinect Sports Season Two (con novos deportes) e Dance Central 2 (que incorporará control por voz e modo multixogador real) e, para pórlle a guinda á pastel, a conferencia rematou cun teaser do xogo Halo 4, do que aínda non se teñen detalles, pero que promete iniciar unha nova triloxía que dará comezo en 2012.


Trailer de Halo: Combat Evolved Anniversary


Teaser de Halo 4


Así será Star Wars Kinect

A Xbox 360 e Kinect facilitarán a viaxe a Disneyland dende o salón da casa
No outono teremos Forza Motorsport 4 para Xbox 360

PUBLICIDADE