Microsoft adianta máis detalles da Xbox One

venres, 7 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A semana que vén terá lugar a feira E3 en Las Vegas, e en vista de que a futura consola de Microsoft, a Xbox One, vai aproveitar a ocasión para presentar os xogos que ofrecerá no seu lanzamento e nos meses posteriores, completando así a presentación previa da consola, e para que certos detalles polémicos da consola e os servizos que a rodean non eclipsen aos títulos que anunciarán, decidiron dar a coñecer numerosos detalles relativos ao seu sistema de licenzas dixitais, a conectividade e a privacidade que terá a nova consola.

O sistema de licenzas dos xogos

A arquitectura que adoptará a Xbox One facilitará un acceso máis rápido aos xogos, que estarán sempre dispoñibles dende a nube e sen límites físicos ao tamaño ao tamaño e perspectiva dos contidos subministrados. Para facer iso posible adiantan algúns detalles de licenciamento dos xogos para Xbox One: os xogos sairán en formato físico e dixital o mesmo día; poderase acceder á biblioteca de xogos directamente dende a consola sen precisar de disco, incluso na casa dos amigos (sempre que nos identifiquemos coa nosa conta de usuario); os xogos poderán compartirse dentro do fogar (aínda que os xogos se asocien a unha conta de usuario, poderán compartirse con amigos e familiares na mesma consola); ata 10 parentes poderán identificarse na Xbox One para xogar ao seu catálogo de xogos (incluso na casa dun amigo); os editores poderán definir un mecanismo para facilitar a venda de segunda man a través de establecementos autorizados; e os xogos poderán transferirse sen cargo aos amigos (aínda que só unha vez por xogo, e a usuarios identificados como amigos durante un mínimo de 30 días).

A conectividade

A nova consola de Microsoft será un dispositivo conectado, que poderá gozar de mundos persistentes creados grazas á computación na nube; a Xbox One contará cun modo de conexión de baixo consumo que permitirá que a consola estea sempre lista para xogar (sen ter que agardar á descarga e instalación de actualizacións); facilita a comunicación cos amigos (será posible usar Skype mentres xogamos ou vemos a televisión); a Xbox One gozará de Gigabit Ethernet e Wi-Fi N na banda dos 5 GHz (evitando as interferencias de moitos outros dispositivos); será compatible con Wi-Fi Direct para facilitar a comunicación de smarthpones e tablets; e a consola tirará proveito de máis de 300.000 servidores de Xbox LIVE e Windows Azure.
Aínda que a consola non teña que estar conectada as 24 horas, o sistema de licenzas dos xogos está deseñado para funcionar con conexión á Rede. Dende Microsoft tamén recomendan que para unha boa experiencia de uso da Xbox One deberiamos ter unha conexión á Rede de 1,5 Mbps ou superior.

A privacidade

Ao contar con Kinect de serie, existe certa preocupación sobre a invasión á intimidade e privacidade que poida facer a Xbox One, e dende a compañía de Redmond detallan que o usuario poderá controlar o que Kinect pode ver e escoitar; poderemos acender, apagar ou pausar Kinect cando queiramos; controlaremos o uso que a consola faga da nosa información persoal; e aínda que Kinect poida resultar de utilidade para controlar xogos, a televisión e outros contidos multimedia, seguirase podendo utilizar o mando tradicional e outros dispositivos conectados como sistemas de control.

PUBLICIDADE