Microsoft abre a feira de videoxogos de Colonia

luns, 21 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a feira de videoxogos Gamescom de Colonia está programada entre os días 22 e 26 de agosto, Microsoft ten por costume adiantarse, sendo a primeira compañía en realizar anuncios no marco do encontro internacional, que este ano tiña especial interese xa que a finais de ano chegará ás tendas a Xbox One X, e esperábase que a compañía de Redmond aproveitase a ocasión para dar detalles ao respecto, como ben fixo onte.

Novas consolas e mandos

A nova consola sairá á venda o 7 de novembro a un prezo de 499,99 euros, pero para os máis entusiastas da familia Xbox abriuse xa a reserva da Xbox One X Edición Project Scorpio, edición limitada da Xbox One X que presenta un deseño personalizado (ten impreso Project Scorpio na consola e no mando, deixando claro que é unha das primeiras unidades da nova máquina). A consola tamén inclúe soporte vertical e non só presume de ter un 40% máis de potencia que outra consola do mercado, senón que tamén se diferencia claramente da PS4 Pro por incorporar no seu lector de discos Blu-ray a posibilidade de reproducir filmes en formato Blu-ray 4K (algo do que prescindiu a consola de Sony).
Pero para moitos a grande sorpresa da presentación de Microsoft foi que o 3 de outubro vai pórse á venda unha edición limitada da Xbox One S inspirada no xogo Minecraft, que incorporará un disco duro de 1 TB, sons personalizados de inicio e apagado, soporte vertical, o xogo Minecraft co pack Restone e cunha aparencia externa moi peculiar que fai que a consola pareza uns bloques de terra e herba do propio xogo. Tamén inclúe un mando sen fío co deseño Creeper (que tamén poderá mercarse por separado a un prezo de 69,99 euros, existindo tamén unha versión do mando inspirada nos porcos de Minecraft). A consola pode reservarse xa a un prezo de 399,99 euros.
Outra edición especial da Xbox One S que estará dispoñible é a do xogo Tierra Media: Sombras de Guerra, que sairá á venda o 10 de outubro a 279,99 euros con 500 GB de disco duro e a 349,99 euros con 1 TB de disco duro. En ambos casos inclúe o xogo baseado na franquía de Tolkien compatible con Xbox Anywhere (ou sexa, que tamén estará dispoñible para a súa instalación en Windows 10 sen recarga).
No que respecta aos mandos de Xbox One, non só se anunciaron os novos mandos de Minecraft, senón que tamén confirmouse que o programa Xbox Design Lab que permite personalizar cas cores dos distintos elementos dos mandos conseguindo máis de 8 millóns de combinacións chegará a 24 novos países entre os que figura España. O lanzamento deste servizo de personalización de mandos está previsto que bote a andar nos novos territorios hoxe mesmo ás 21:30 horas.

Novidades relativas a videoxogos

Pero Microsoft non limitou as novidades ao hardware, e aproveitou a cita europea para presumir de catálogo de xogos para Xbox e Windows 10, dos que unha boa parte gozarán de xogo cruzado entre ambas plataformas (como serán Age of Empires: Definitive Edition, Forza Motorsport 7, Crackdown 3, Super Lucky’s Tale e Sea of Thieves). Presentaron novos detalles de Assassin’s Creed Origins (xogo que chegará ao mercado o 7 de novembro), detallaron que Halo Wars 2: Awakening the Nightmare chegará o 26 de setembro contando con optimización para Xbox One X no seu lanzamento (soportando 4K e HDR), confirmaron que Halo 5: Guardians recibirá no Nadal o soporte de 4K e avanzaron pequenos detalles doutros xogos como desculpa para dar conta de que contarían con soporte de 4K e HDR na nova Xbox One X, máquina que busca converterse na referencia do mercado a nivel gráfico.

PUBLICIDADE