Microsoft Mesh converte Teams nunha experiencia virtual

xoves, 25 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Durante o Microsoft Ignite 2021 anunciouse unha solución de telepresenza para o traballo en grupo chamada Microsoft Mesh, que veñen abrir aos usuarios de Microsoft Teams, permitindo experiencias tridimensionais inmersivas para axudar a unha mellor interacción cara a cara, que pode empregarse dende o ordenador e mediante visores Meta Quest.
Microsoft Mesh enténdese como unha funcionalidade dentro de Microsoft Teams, que axuda a que centos de millóns de persoas poidan celebrar xuntanzas en espazos virtuais, onde pode conversar os seus avatares dun xeito inmersivo, para o que incluso se tira proveito do son espacial, replicando dun xeito natural como sería unha conversa en persoa aínda que os participantes estean en recantos afastados do planeta.
Esta tecnoloxía probouse con éxito en varias empresas (Takeda, Accenture, Bp e Mercy Ships), onde a empregaron para formación, grandes eventos, simulacións, xuntanzas... buscando reducir os gastos en viaxes e en instalacións físicas.
Esta tecnoloxía aínda é moi incipiente, como denota o feito de que os seus gráficos parezan os dun videoxogo tipo Los Sims, pero de resultar práctica e cómoda para os usuarios só quedaría agardar á súa evolución para conseguir un maior realismo.

Vídeo promocional de Microsoft Mesh

PUBLICIDADE