Michonne protagonizará o novo xogo de The Walking Dead

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Telltale Games continúa a tirar proveito da franquía de The Walking Dead na súa serie de aventuras xogables coas que non para de colleitar éxitos, e que iniciarán a súa terceira tempada o vindeiro día 23, cando The Walking Dead: Michonne verá a luz en versións para Xbox One, Xbox 360, PlayStation 4, PlayStation 3, PC e Mac, para chegar dous días despois a iOS e Android.
Como en ocasións anteriores, falamos dun xogo episodio, que sairá cunha primeira entrega titulada In Too Deep, á que seguirán un segundo (Give No Shelter) e terceiro episodio (What We Deserve) nos meses de marzo e abril respectivamente, construíndo así unha miniserie que en vez de estar protagonizada por un personaxe descoñecido, opta por amosarnos unha aventura de Michonne, personaxe moi popular na serie televisiva, aínda que cómpre advertir que a serie de videoxogos está baseada na serie de cómics orixinal, Los Muertos Vivientes, de Robert Kirkman (de feito, incluso detallan que esta historia estaría ambientada entre os números 126 e 139 da edición norteamericana da banda deseñada).
Esta mini-serie conta unha aventura na que Michonne afástase temporalmente do grupo de Rick, profundado tamén no pasado do personaxe, de xeito que os seareiros do cómic e da serie de televisión dificilmente poderán deixar pasar esta aventura (especialmente se gozaron das anteriores entregas da saga de Telltale).

Nesta historia Michonne afástase do grupo de Rick

Vídeo de presentación desta nova aventura de Telltale

PUBLICIDADE