Meta Quest+ ofrecerá 2 xogos de VR ao mes por 7,99 dólares

luns, 26 de xuño do 2023 Marcus Fernández

As principais plataformas de videoxogos teñen dende hai tempo algún servizo de subscrición, tendencia á que agora se suma a principal plataforma de realidade virtual presentando Meta Quest+, que por 7,99 dólares/mes ou 59,99 dólares/ano ofrece un par de videoxogos de realidade virtual ao mes, converténdose nun xeito bastante asumible para facerse con clásicos de fondo de catálogo e algunha xoia escondida. Para animar a probar este novo servizo, até o 31 de xullo o primeiro mes custará unicamente 1 dólar.
Os primeiros xogos que ofrecerán a través de Meta Quest+ serán o xogo en primeira persoa de acción e ritmo Pistol Whip e o nostálxico Pixel Ripped 1995; e tamén adiantan que no mes de agosto os xogos que estarán dispoñibles para canxear serán Walkabout Mini Golf e MOTHERGUNSHIP: FORGE; todos xogos máis que recomendables, que serven de medida das aspiracións deste servizo de subscrición.
Os xogos que ofrecen son para Quest 2 e Quest Pro e, loxicamente, tamén serán compatibles co futuro casco de realidade virtual Quest 3.
Polo momento Meta Quest+ lánzase nos EE.UU., pero entendemos que o seu lanzamento global non se fará agardar moito. O que resulta evidente é que este tipo de servizo fai máis atractiva a compra dun casco de realidade virtual, xa que por unha cantidade económica moderada cada mes garántense horas de diversión.

Vídeo de presentación de Meta Quest+

PUBLICIDADE