Messenger Lite xa pode instalarse dende Europa

xoves, 27 de abril do 2017 Marcus Fernández

Para países con conexións móbiles precarias e terminais con pouca capacidade levan tempo existindo as aplicacións de Facebook Lite e Messenger Lite, aínda que esta última tiña a súa instalación limitada a uns poucos países, e finalmente dende Facebook entenderon que podería haber usuarios en case todo o mundo que en certas ocasións poderían estar interesados na aplicación e hoxe abrírona a 132 países adicionais, de xeito que os usuarios que queiran estar conectados no seu móbil co Messenger de Facebook teñen agora a posibilidade de elixir entre instalar a aplicación estándar ou optar pola súa versión reducida.
Messenger Lite presume de ser unha aplicación máis cativa que a oficial, descargándose máis rápido e ocupando menos espazo no teléfono; carga con grande velocidade e resulta moi áxil para o envío de texto, fotografías e ligazóns; e tamén consume menos datos móbiles, de xeito que incluso pode operar con conexións 2G ou en zonas nas que o acceso á Rede é inestable, o que non é exclusiva de mercados emerxentes, de aí que sexa unha boa nova que Facebook deixe aos usuarios elixir entre usar a aplicación completa ou a Lite.

PUBLICIDADE