Melloran as vendas de MacBook Air, que pronto podería estar dispoñible tamén en 15 polgadas

martes, 15 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Imaxe dun MacBook Air de 11 polgadas

Un estudo de Morgan Stanley con datos de NPD reflicte o crecemento das vendas dos equipos portátiles MacBook Air, que pese a carecer de unidade óptica, conseguiron superar a cuarta parte da venda de portátiles de Apple, destacándose o feito de que, tras a mellora destes equipos o pasado verán, disparáronse as súas vendas. Un dos elementos que está a ser decisivo neste tipo de equipos é o seu elegante deseño e a súa alta portabilidade, sumado ao feito de que contan con prestacións (arranque instantáneo e unidade SSD) que o achegan á experiencia de uso dun iPad, o que explica que en outubro chegase ao 28% dos envíos de Apple ás tendas (mentres que hai medio ano tal porcentaxe apenas chegaba ao 8%).
Estas informacións chegan case simultaneamente aos rumores de que no segundo trimestre de 2012 estará dispoñible un MacBook Air de 15 polgadas (os modelos actuais teñen pantallas de 11 e 13 polgadas), o que pode deducirse de certos pedidos de Apple aos seus provedores de compoñentes. Parece confirmarse así a aposta de Apple por estes equipos, que actualmente xa son nos MacBook básicos, mentres que os usuarios máis esixentes continúan a ter dispoñibles os MacBook Pro (dos que tamén se rumorea un re estilizado nos vindeiros meses, para axustarse a estas novas tendencias).

PUBLICIDADE