Mellora a velocidade media de Netflix entre os usuarios de Movistar

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Tras a polémica dos resultados de Netflix en España co operador Movistar, chegan agora os resultados do mes de decembro, e sexa pola redución de usuarios (xa que moitos optaron por aproveitar o mes de proba de balde de Netflix dende o primeiro momento) ou por medidas adoptadas por Movistar, finalmente temos que o servizo de vídeo baixo demanda mellorou o seu resultado español, mantendo a última posición entre os principais operadores, pero pasando dunha velocidade media de 2,15 Mbps a uns máis dignos 2,86 Mbps, aínda que o seguinte operador analizado por Netflix (Orange) ten unha velocidade media considerablemente superior (3,75 Mbps).
Cómpre destacar que Movistar ten un serio problema á hora de gañar posicións na cualificación de velocidades medidas, non só por ser a única compañía que non aceptou gozar da conexión directa coa rede de Netflix, senón tamén polo feito de que as medicións non distingan a tecnoloxía empregada para conectarse, de xeito que entrarían no mesmo saco usuarios de fibra óptica a 300 Mbps e usuarios de ADSL con velocidades bastante reducidas (que no caso de Movistar son un volume considerablemente superior ao doutras compañías, xa que teñen unha cobertura inferior).
A transparencia dos datos de Netflix resultan de grande utilidade para os consumidores, pero tamén son unha importante medida de presión, de xeito que así as compañías de telecomunicación vense obrigadas a aceptar os acordos de interconexión para que os seus usuarios gocen do servizo de Netflix coa maior calidade posible, e así non se vexan decepcionados coas conexións de alta velocidade contratadas.

PUBLICIDADE