Netflix publica os resultados das súas probas de velocidade para España

venres, 11 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro luns Netflix publicará por primeira vez o seu índice de rendemento de provedores de Internet en España, pero esa información vén de filtrarse a través da Internet, confirmando as queixas dos usuarios: Movistar é un dos provedores con peor velocidade de toda Europa, ocupando o posto 113 de 115. Netflix culpa de tal situación unicamente a Movistar, por negarse a interconectarse directamente coa rede de Netflix, o que resultaríalle de balde, xa que o operador pretende que Netflix os compense economicamente polo uso da súa rede (pola que xa pagan os seus clientes, que son os principais prexudicados desta loita empresarial).
Netflix destaca como en España os pequenos operadores ofrecen as mellores velocidades medias co seu servizo de vídeo baixo demanda, con Telecable (4,15 Mbps), Euskaltel (4,14), R (3,97), ONO-Vodafone (3,85) e Orange (3,72) ofrecendo unhas conexións tan semellantes como distantes do resultado de Movistar (2,15), e aínda que dos datos resulta criticable que non separa os distintos tipos de conexións de cada operador, cómpre lembrar que os usuarios de Movistar que máis se queixaron da calidade do servizo en horario de prime time son precisamente os que contan con conexións de fibra óptica a 300 Mbps.
Telefónica deféndese das acusacións de Netflix asegurando que “cumpre coas recomendacións e regulamentos de interconexión que ditan as autoridades e os reguladores, e que aseguran a interconexión das súas redes e a dos outros provedores de contidos coa mellor calidade de servizo. Este modelo é o que Telefónica e o resto de operadores en todo o mundo leva practicando dende hai anos con outros emisores de contidos”.
Dende Netflix néganse a compensar economicamente a Movistar polo tráfico que dirixe á súa rede, porque sentaría un precedente moi lesivo para eles (xa que obrigaríalle a chegar a acordos semellantes no resto do mundo), e coa publicación dos índices nos que fan quedar mal as conexións de Movistar pretenden claramente presionar para que a compañía de telecomunicacións ceda a mellora a interconexión das súas redes e así os seus usuarios poidan gozar do sinal de vídeo á maior calidade posible.
Actualmente Netflix ofrece tes tarifas en función da calidade de recepción e o número de dispositivos simultáneos que poden acceder coa mesma conta, pero o streaming establécese en función da calidade de conexión en cada momento, de xeito que, por exemplo, para ofrecer Full HD tanto é posible conectar a unha velocidade básica (3,8 Mbps) como a outra mellorada (5,8 Mbps), mentres que o contido 4K precisaría de conexións a uns 15 Mbps. Cando as conexións non chegan a estes niveis, redúcese a resolución a 720p ou incluso menos, o que resulta especialmente desagradable para os clientes de redes de banda larga de nova xeración.

Datos de velocidade de Netflix en España que veñen de filtrarse

PUBLICIDADE