Medio millón de terminais iPhone se venderon no seu lanzamento

luns, 2 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O pasado venres púxose á venda nos EE.UU. o iPhone de Apple, de xeito que moitos medios alcumaron a data coma o iDay (o Dia I), e parece que non foi para menos, xa que as tendas que abriron ás 18:00 horas para por á venda o novo terminal de telefonía móbil practicamente esgotaron as súas unidades nunha hora, de xeito que se venderon medio millón de dispositivos.

A portada de eBay reservou un espazo ás poxas polos iPhone

Nas tendas limitaban a venda a 2 unidades por persoa, de xeito que se fixo habitual mercar un terminal para uso propio e outro para vender a través da Rede en poxas coas que se pretendía sacar proveito económico, de feito que en eBay mesmo aparecían na portada da súa web, pero este negocio podería non estar saíndo tan ben como algúns agardaban, xa que os usuarios que pagaron máis de 1.000 dólares por un terminal foron demasiado anecdóticos, non chegando a meirande parte das poxas a superar o prezo mínimo marcado polos seus vendedores.
O fracaso destas poxas non estaría só provocado polo alto prezo dos terminais (que se poden acadar a un prezo de entre 499 e 599 dólares con só agardar uns días a que repoñan os terminais das tendas) senón tamén pola pouca fiabilidade das ofertas, que en moitos casos no facían ningunha referencia á operadora de telefonía que vende o terminal e que estiveron precedidas mesmo de descaradas copias piratas do produto máis agardado do ano.
Entre os usuarios que mercaron o terminal nas tendas de AT&T tampouco faltaron as malas experiencias, pois para activar o dispositivo é preciso conectarse a iTunes, operación que deu problemas a algúns compradores, aínda que parece ser que se tratou de casos illados.

PUBLICIDADE