Media Markt prepara a súa reapertura na Coruña

martes, 27 de maio do 2014 Marcus Fernández

Media Markt botara o peche en Dolce Vita cunha sonada liquidación

A primeiros de ano o centro comercial Dolce Vita despediuse da tenda coruñesa de Media Markt, quedando a cidade herculina á espera da reapertura da tenda líder na venda de electrónica de consumo, o que acontecerá antes do verán no centro comercial Marineda City, tal e como veñen de confirmar dende a compañía, que xa adianta que esta mesma semana comezou a traballar o equipo do novo establecemento de cara á nova inauguración.
Media Markt conservou o cadro de persoal da anterior tenda en Dolce Vita (que botara o peche polo cesamento de actividade do centro comercial) e contará con novas incorporacións para apoiar a súa nova apertura. En total 60 profesionais traballarán no establecemento que volve tras 4 meses de inactividade, tendo que conformarse desta volta cunha superficie de 2.200 m2 (as anteriores instalacións ocupaban 3.000 m2).
Coa reapertura de Media Markt na Coruña a cadea de tendas de electrónica de consumo consolida a súa presenza en Galicia, onde iniciara os seus pasos en Vigo, pero foi espallando a súa implantación comercial ata establecerse tamén en Lugo e Ferrol, de xeito que na nosa comunidade sumamos 4 dos 72 centros que a marca ten no territorio español.

A nova tenda de Media Markt en Marineda City xa incorporou ao seu cadro de persoal de cara á súa inauguración


ACTUALIZACIÓN (28-5-2014): Media Markt anuncia que a súa reapertura coruñesa será o vindeiro día 5 de xuño:

PUBLICIDADE