Mastodon aspira a ser un Twitter libre e descentralizado

mércores, 5 de abril do 2017 Marcus Fernández

Competir con plataformas como Twitter non é unha tarefa doada, e de feito naceron alternativas bastante solventes como Pownce, que pechou ano e medio despois do seu lanzamento, pero cando a competencia chega pola senda do código aberto a cousa pode ser diferente, e ao igual que Telegram é unha alternativa de WhatsApp (salvando as distancias) agora temos un proxecto que podería facer o mesmo con Twitter: Mastodon.
Estamos ante unha plataforma de microblogging baseada na web, na que as mensaxes de estado teñen unha lonxitude máxima de 500 caracteres e poden incluír imaxes, etiquetas e mencións a outros usuarios, de xeito que aínda non é tan completa como Twitter, pero ten vantaxes interesantes como manter a orde cronolóxica das publicacións, carecer de publicidade, basearse en código aberto, ter unha API aberta para aplicacións e servizos e, especialmente, contar cunha infraestrutura descentralizada de xeito que non poderá haber unha compañía controlando a comunicación, senón que calquera pode abrir servidores cos que interactuar.
Esta plataforma iniciada por Eugen Rochko, un mozo alemán de 24 anos que financia esta rede social federada mediante achegas voluntarias a través de Patreon (plataforma na que conta con 376 mecenas que cobren os gastos do mozo e da hospedaxe do servizo), busca facer máis accesible o proxecto GNU Social e facer realidade un Twitter libre, aínda que con diferenzas como que en Mastodon non é preciso facer privada unha conta de usuario para publicar mensaxes privadas, e tamén conta con medidas para formar espazos seguros e incluso permite agochar partes dunha mensaxe de xeito que só lerán a mensaxe completa os que piquen sobre a mesma (o que facilita, por exemplo, conversas sobre películas e series de televisión de máxima actualidade sen estragar a trama ao resto de usuarios).
O funcionamento de Mastodon sería semellante ao do correo electrónico, de xeito que os usuarios poden darse de alta nun servidor, e logo interactúan co resto de usuarios con independencia do servidor que empregue cadaquén e, como acontece co e-mail, se alguén pecha un servidor, o servizo continúa operando.
Actualmente hai poucos usuarios de Mastodon, pero xa xurdiron aplicacións para facilitar o seu uso, e así temos a aplicación Amaroq form Mastodon na App Store e, dende o pasado luns, TootyFruity en Google Play (aínda que a aplicación parece non ser estable), polo que as bases parecen asentadas para establecer unha plataforma que demostre que é posible crear unha plataforma social afastándose do ámbito empresarial.

Na web Mastodon presenta unha interface que pode lembrarnos a Twitter (e, especialmente, a TweetDeck).

PUBLICIDADE