Marcelino Fernández Mallo, socio director de Sphenia, intervén no primeiro dos debates Galicia en clave económica

martes, 18 de xuño do 2013 Redacción

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, coa colaboración do Grupo El Progreso, celebran este mércores 19 de xuño o primeiro dos debates incluído no ciclo Galicia en clave económica, unha serie de cinco encontros de participación gratuíta dirixidos a achegar reflexión e divulgación sobre diversas cuestións de importancia social, económica e cultural para a nosa terra. Nestas xeiras participarán unha vintena de expertos galegos dos devanditos ámbitos, comprometéndose a facer unha “unha análise rigorosa e profunda da situación socioeconómica na que se atopa arestora o país”, sinalan as entidades organizadoras. O debate deste mércores, previsto para as 19.30 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos, desenvolverase baixo o epígrafe En busca dun modelo e contará, entre outros, cun vello coñecido de Código Cero: Marcelino Fernández Mallo.
Lembrar que Fernández Mallo é escritor, economista e socio director da firma Sphenia, consultora TIC da que falamos recentemente para informar das súas achegas innovadoras para tirarlles partido ás redes a nivel empresarial.
Amais, intervirá Fernando González Laxe (ex presidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña), Emilio Pérez Nieto (presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar) e Xoán Carmona Badía (catedrático de Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela). Xuntos analizarán as potencialidades sen desenvolver da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo, tratando de responder se Galicia ten un modelo económico: o naval, a agroalimentación, a enerxía, unha mestura de sectores.

PUBLICIDADE