A galega Sphenia lanza unha innovadora estratexia para permitir un aproveitamento real das redes a nivel corporativo

venres, 7 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Temos novo proxecto, finalmente unha realidade, no noso panorama de consultoría aplicada ao eido das novas tecnoloxías da información. Desta volta tócalle á empresa galega Sphenia liderar este paso adiante do sector, e faino a través de COW, acrónimo de Customer Oriented Website, “un novo enfoque para as páxinas web das empresas”. O obxectivo principal desta nova estratexia, materializada a través dunha web de seu, cowprogram.com, non é outro que posibilitar que deixemos atrás, dunha vez por todas e para sempre, a idea de estar en Internet por estar. Ou sexa, de empregala como simple escaparate ou folleto en liña de promocións e ofertas, ou como tarxeta de contacto. As posibilidades que ofrece a nova Rede son outras, moi distintas, especialmente axeitadas para dar sentido ao concepto de Internet como ferramenta clave da estratexia de negocio.
Segundo nos conta Marcelino Fernández Mallo, socio director de Sphenia (compañía especializada precisamente na xeración de negocio a través das canles dixitais), a firma levou a cabo unha investigación entre unha mostra de 80 sitios en liña de empresas de mediano tamaño e grandes (a maioría do Ibex-35) que lle serviu para dar corpo a un conxunto de obxectivos factíbeis para calquera web empresarial, entre os que se atopa o seguinte: a renovación constante da comunicación da firma cos seus clientes en base ao cliente mesmo. A partir da investigación, descubriuse que só un 8% das empresas aproveita plenamente o potencial estratéxico de negocio de Internet mentres que un 60% se limita a abordar obxectivos de comunicación e servizo. Esta porcentaxe ascende ó 80% das empresas de tamaño medio, infórmase. En definitiva, quedou claro que existe a día de hoxe un problema de abondo estendido na empresa española, de tipo estrutural, e que se refire á imposibilidade xeral de tirarlle proveito a Internet como estratexia de tipo corporativo.
O concepto COW”, sinala Fernández Mallo, “implica reorientar os sitios das empresas cara ó cliente, convertelas non tanto en páxinas corporativas como en espazos de valor para os clientes; e atendendo a este concepto, cada área dunha web, desde a súa estrutura, deseño e navegación ata os seus contidos e servizos, anóvase a partir dunha óptica de cliente”. O resultado debe ser un sitio completamente distinto á maioría dos existentes na actualidade.
Para a integración da metodoloxía COW avalíanse polo miúdo 130 aspectos específicos dirixidos a asegurar a dirección axeitada dos sitios en liña cara ao cliente, o que se vai amosando a través de cambios nos menús de navegación, especifidade na presentación dos contidos, ferramentas de interacción, novos servizos, novas seccións, máis utilidade. O resultado da aplicación destas estratexias, sinálase dende Sphenia, provoca medres de até o 50% no número de usuarios dunha páxina web, recorrencia de visitas, conversión de usuarios en clientes e venda de produtos.

PUBLICIDADE