Mal comezo da PSPgo (tanto en hardware coma en software)

xoves, 8 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O lanzamento da PSPgo está a ser moi polémico, con canles de distribución que néganse a comercializar unha consola que remataría coa venda de xogos nos establecementos tradicionais e un prezo de saída elevadísimo, polo que non debería sorprender a ninguén que as vendas estean a ser malas segundo distintos establecementos comerciais (Sony negouse a dar datos), e incluso coméntase que o lanzamento da PSPgo estea a ter un efecto insospeitado: mellorar as vendas da PSP-3000.
A acollida da nova portátil de Sony está a ser moi pouco entusiasta, e podería auspiciar un fracaso dun dispositivo que quere competir co iPhone e o iPod Touch no tocante aos xogos descargables. Precisamente nesa liña contan cun novo tipo de xogos, os PSP Minis, que serían títulos de menor entidade aos xogos editados en UMD, e a uns prezos máis axustados, procurando quedar por debaixo dos 10 euros. Portar xogos do iPhone á PSPgo parece ser un proceso sinxelo, de aí que non sorprenda que na actualidade xa hai varios xogos para o terminal de Apple dispoñibles para a nova consola de Sony, aínda que nesta última presentan uns prezos bastante máis elevados, o que está a ser moi criticado, levando a Sony a tirar balóns fóra asegurando que os prezos están fixados polos desenvolvedores (entendemos que parten de prezos elevados por ter a PSPgo un parque de consolas infinitamente inferior ao dos terminais de Apple, dificultando o retorno do investimento dos PSP Minis).

PUBLICIDADE