Major Nelson inicia a conta atrás do que podería ser a presentación da futura Xbox 720

xoves, 3 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nas últimas horas o blog de Lawrence Hryb, máis coñecido coma Major Nelson, e a cabeza visible da división de videoxogos de Microsoft, actualizouse para incluír unha conta atrás para a vindeira edición da feira de videoxogos E3, para a que quedan máis de 158 días, e que a todas luces será a data elixida para presentar a consola que tomará o relevo da actual Xbox 360 (que podería responder ao nome de Xbox 720 e que actualmente leva como nome chave Durango), o que recuperou os rumores sobre que a nova xeración de consolas de videoxogos que poderían chegar este ano, recuperando a guerra de plataforma, con Microsoft e Sony loitando por facerse co favor do público e os desenvolvedores.
Polo que se comenta, a futura consola de Microsoft tería un procesador de 6 ou 8 núcleos a 2 GHz, 4 Gb de RAM, lector de Blu-ray (con soporte de 3D), compatibilidade cos actuais xogos de Xbox 360 e cunha nova xeración de Kinect que aparte dunha maior precisión poderían permitir xogar até a 4 xogadores á vez. A futura consola podería chegar ao mercado a tempo para o Nadal e, de ser así, poría data de caducidade á actual xeración de consolas, que por mor da conxuntura económica actual sería a máis lonxeva.

PUBLICIDADE