Máis do 99% dos xogos de PS4 funcionarán en PlayStation 5

venres, 9 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A información sobre a PlayStation 5 antes do seu lanzamento resultou bastante opaca e contraditoria por parte de Sony, pero segundo imos achegándonos á data de lanzamento da nova consola a situación vai clarexando e por fin dan detalles oficial sobre como vai ser a retrocompatibilidade da PS5.
Confírmanse as malas novas de que a PS5 non vai ser retrocompatible con xogos de consolas anteriores á PS4 (en contraste coas novas Xbox, que fan o propio con toda a súa liña de consolas), pero por outra banda temos que os temores de que o número de xogos de PS4 que puidesen xogarse en PS5 fosen inicialmente só algo máis dun cento quedarían desterrados, xa que confirman que preto do 99% dos títulos de PS4 poderán correr en PS5 dende o primeiro día. De feito, a listaxe de xogos incompatibles con PS5 limítase a 10 títulos moi pouco importantes (DWVR, Afro Samurai 2, Just Deal With It!, Shadow Complex Remastered, Robinson: The Journey, We Sing, Hitman Go: Definitive Edition, Shadwen e Joe’s Diner).
Dende Sony confirman que os que merquen a PS5 con unidade de disco poderán xogar tanto a títulos de PS4 en Blu-ray como a xogos da PlayStation Store, mentres que os que opten pola edición dixital da consola quedarán loxicamente sen compatibilidade cos xogos en formato físico, non existindo un mecanismo para poder converter os xogos en disco a versións dixitais.
Ao reproducir xogos de PS4 en PS5 os usuarios benefícianse de tempos de carga reducidos, maiores velocidades de fotogramas ou taxa de fotogramas máis estable e incluso nalgún caso poderán verse os xogos moito máis detallados se contan con resolución dinámica. Os xogos de PlayStation VR e o propio casco de realidade virtual tamén serán compatibles con PS5.
Os usuarios poderán transferir os xogos e as partidas gardadas de PS4 a PS5 a través do gardado na nube, de conexión Wi-Fi ou dun cable de rede, aínda que haberá algún xogo no que as partidas gardadas en PS4 non poderán transferirse a PS5 (sendo este mecanismo decisión do estudio que desenvolveu o xogo).

PUBLICIDADE