Máis de 60 programadores participan xa en HackForGood Vigo

venres, 26 de febreiro do 2016 Redacción

Finalmente comezaron onte, da man de Telefónica, as xeiras de HackForGood na Universidade de Vigo e noutras 13 institucións académicas estatais de todo o ámbito estatal. Na edición galega deste evento destinado a xuntar grupos de programadores e impulsar a súa creatividade para dar forma a tecnoloxías que creen un mundo mellor están a participar 62 inscritos e inscritas, o dobre que en 2015. En total, son 13 grupos de entre 4 a 5 persoas, todos eles abordando de cheo temáticas como realidade virtual, aplicacións sanitarias, terceira idade, mobilidade para persoas con discapacidade, robótica, sistemas de emerxencia. Estes son os números e ámbitos de traballo dos e das participantes no HackForGood 2016 organizado pola Cátedra Telefónica- UVigo desde onte e ata o sábado no edificio Miralles do campus vigués.
Sinalar que HackForGood celébrase por segunda vez na Universidade de Vigo (a primeira resolveuse en abril do ano pasado, tal e sinalamos no seu día dende Código Cero, dando conta dos premios outorgados). O encontro, como dixemos, vén da man de Telefónica e está impulsado pola Escola Técnica Superior de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a firma MashmeTV, e que conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre as que se atopa a da Universidade de Vigo. O alumnado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industriais da Universidade de Vigo suma o 80% dos e das participantes nesta edición local do HackForGood, ao que tamén concorren estudantes doutras titulacións que se imparten na institución académica viguesa. Ao igual que en Vigo, en Madrid, Barcelona, Valencia, Alacante, Murcia, Cidade Real, Sevilla, Málaga, As Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León, centos de estudantes desenvolverán durante os tres días que dura o encontro novas ideas, servizos ou aplicacións que axuden a resolver problemas sociais, satisfacendo as necesidades existentes, creando novas comunidades ou desenvolvendo colaboracións entre institucións públicas, privadas e terceiro sector.
O HackforGood 2016 deu comezo onte na Universidade de Vigo coas intervencións do reitor, Salustiano Mato e do director de Telefónica Galicia, Manuel Ángel Alonso, ás que seguiu unha conferencia a cargo da directora de Open Future Telefónica en Galicia, Carmen López, titulada H4G e Proxecto Open Future. Nas sesións do venres e sábado os e as participantes desenvolverán os seus proxectos, que serán presentados o sábado, xornada que rematará coa entrega de premios locais.
Na súa intervención, Salustiano Mato salientou o traballo cooperativo que representa HackforGood e agradeceu a Telefónica, a través da Cátedra Telefónica Universidade de Vigo esta colaboración que permite á institución transferir o seu coñecemento á sociedade. Pola súa banda o director de Telefónica Galicia, Manuel Ángel Alonso, tamén incidiu na crecente colaboración entre a empresa e a Universidade de Vigo. En relación con HackforGood, Alonso inseriuna nas actividades que Telefónica desenvolve “para xerar ideas que se poden converter en realidades”, co obxectivo de promover cultura da innovación e emprendemento. O director de Telefónica Galicia animou aos e ás participantes a gozar dunhas xornadas “nas que podedes darvos conta de que as vosas ideas poden axudar a resolver problemas e converterse en realidades”.
No caso da sede viguesa establecéronse tres galardóns, dotados cada un deles con 500 euros: o Premio á innovación social, outorgado polo Consello Social; o Premio á innovación enerxética que concede a Cátedra Telefónica para a innovación enerxética e o Premio ao desenvolvemento sostible da Oficina de Medio Ambiente. Pola súa banda as mellores aplicacións estatais repartiranse 12.000 euros, mentres que os premios temáticos outorgarán 8,000 euros para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación e a discapacidade intelectual así como para aqueles que se baseen no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño. Os premios de continuidade, que permitirán aos equipos seguir co desenvolvemento das aplicacións cando remate o evento, ofrecerán formación personalizada, asesoramento e financiamento adicional. Para iso haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood que consistirá nunha fin de semana formativa en emprendemento social e a posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional, que será premiado cun pase directo a este nivel 2 de Think Big. Por outra banda, os premios Telefónica Open Future–HackForGood repartirán tres galardóns globais que permiten o uso da rede de espazos de crowdworking de Open Future e asesoramento e tutela personalizados que faciliten que a idea orixinal e o prototipo evolucionen cara unha startup. A organización tamén outorgará os premios multisede aos equipos con membros de varias cidades (3.000 euros á mellor aplicación multisede) e os premios formativos, que ofrecen bolsas completas para mestrados en dirección de empresas e en sistemas de información.
Todos os equipos gañadores formarán parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica Open Future.

PUBLICIDADE