Telefónica premia a 5 proxectos galegos na III edición de HackForGood

mércores, 22 de abril do 2015 Redacción

Manuel Alonso (Telefónica) e Salustiano Mato (Universidade de Vigo) inauguraron a xornada viguesa de HackForGood

Os proxectos galegos Pulsafe, Sanet, Ancianos SOS, GreenScouter e Espectrofotómetro foron os vencedores locais da III edición de HackForGood, o maratón de desenvolvemento de aplicacións e dispositivos intelixentes celebrado por Telefónica a pasada fin de semana na Universidade de Vigo, e que congregou preto dunha trintena de alumnos das escolas de Enxeñaría de Telecomunicacións, Enxeñaría Industrial e Informática da Universidade de Vigo.
A plataforma Pulsafe, ideada por Antonio Martínez, César Alberto Pérez e Adam Anh Doan Kim, e orientada ao seguimento activo da saúde das persoas, obtivo o primeiro premio HackForGood Vigo, valorado en 1.000 euros. Propón unha aplicación para smartphones, baseada en dispositivos wearables e enfocada á prevención da saúde, que permite realizar un seguimento das constantes vitais dunha persoa, configuración de alarmas ou alertas periódicas ou localización GPS.
O segundo premio HackForGood Vigo, valorado en 600 euros, foi para Sanet, unha aplicación destinada a mellorar a relación médica paciente e a centralizar a información sanitaria (citas médicas, receitas, medicación, etc.), creada por Alfonso Fernández, Pablo Macías, Rubén Suárez, Pedro Tubio e Olivia Zulaica.
O terceiro premio HackForGood Vigo, valorado en 400 euros, recaeu no equipo integrado por Damián Fernández, Lara Moreno e Alejandro Vargas co seu proxecto Ancianos SOS. Trátase dunha aplicación destinada a persoas maiores que viven soas, e que permite realizar un seguimento do seu estado para poder evitar ou dar solución a situacións de risco como caídas ou outros problemas ligados ao seu día a día.
O premio Think Big Vigo outorgouse ao proxecto GreenScouter, unha plataforma para localizar rutas limpas, utilizando datos de tráfico e de contaminación do aire. Os seus impulsores, Gabriel Otero, Javier López, Álvaro Pedreira e Jaime Alonso, accederán, como premio, directamente ao nivel 1 do programa emprendemento social de Fundación Telefónica Think Big, dirixido a mozos de entre 15 e 26 anos, e que lles ofrece formación, mentoring e 400 euros para continuar desenvolvendo a súa idea.
Para finalizar, o premio Open Future Vigo foi para o proxecto Espectrofotómetro, dirixido a detectar contaminantes na auga, e desenvolvido por Víctor Figueira, Brais Arias, Mariña Aguirre, Alba Triñanes e Víctor Pérez. Como premio, recibirán mentorización personalizada no espazo de crowdworking de Telefónica Open Future co obxectivo de que o prototipo desenvolvendo evolucione cara a unha aplicación industrial. Este proxecto tamén foi o gañador do premio ao mellor reto proposto polos participantes en Vigo.

PUBLICIDADE