Máis de 170 persoas asistiron ao curso de creación de videoxogos da Rede CeMIT

luns, 10 de outubro do 2011 Redacción

Entre as actividades organizadas para o que queda de 2011 incluíronse accións dirixidas a divulgar as habilidades e os coñecementos precisos para que as galegas e galegos participen tamén, coas súas propias mans, na construción da era dixital. Entre as actividades cóntase un curso de creación de videoxogos, levado a cabo en quince localidades da nosa terra dende o pasado 26 de setembro. Segundo informa a Secretaría Xeral de Medios, responsábel destes eventos e das aulas onde se desenvolven, as aulas CeMIT, máis de 170 persoas participaron no devandito curso. Este, que forma parte de Plan de Formación Multimedia e Audiovisual da Rede CeMIT, serviu para achegar, a través de clases en liña e presenciais, os segredos que rodean ao sector dos vídeo xogos na nosa terra, un sector en alza que ten subministrado salientábeis exemplos de calidade e orixinalidade, como os que acaban de chegar dos estudos Gato Salvaxe e o seu xogo AR-K.
Os concellos galegos que participaron nesta iniciativa a través das súas aulas CeMIT foron os de Ferrol, A Coruña, Santiago, Vigo, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Padrón, O Barco de Valdeorras, Marín, Lugo, Pontevedra, Arzúa, Ourense, Ribeira e Fisterra.
Por certo que o Programa de Formación Multimedia e Audiovisual 2011 da Rede CeMIT inclúe ademais un curso sobre creación de webs para móbiles e outro relacionado coas técnicas de streaming de audio e vídeo que se desenvolverán de aquí a decembro e no que aínda hai prazas dispoñibles. Os interesados poden inscribirse nestas actividades gratuítas no 902 222 321, ou a través da web do Centro Multimedia de Galicia.

PUBLICIDADE