Os creadores do videoxogo AR-K apostan forte polo galego
martes, 6 de setembro do 2011
O estudo coruñés Gato Salvaje segue darnos alegrías
coa súa intensa e innovadora actividade no eido dos videoxogos. Logo da recente
presentación da primeira entrega da súa aventura AR-K, a primeira dunha serie de cinco, volven á vangarda da
actualidade do lecer virtual coa adaptación á nosa lingua deste capítulo de
apertura da súa saga, Sexo, mentiras e
traballos de clase. O videoxogo, que tamén se distribúe en castelán, inglés
e alemán, contou para a súa posta en longo en galego coa participación activa
da actriz María Castro, quen dobra á protagonista, Alicia, unha estudante de
xornalismo “que vive nun futuro utópico”,
como sinalan os responsábeis de Gato Salvaje, un grupo de mozos da cidade da
Coruña, emprendedores e, tal e como eles mesmos sinalan, comprometidos coa súa
terra. Así se explica, entre outras cousas, esta aposta polo galego,
materializada poucos meses despois de que o xogo, nas súas primeiras versións,
conseguise os parabéns dunha boa parte da crítica especializada estatal.
“A versión en galego aparece agora”, engade Sergio Prieto, un dos
creadores do xogo, “porque dende o comezo
foi un proxecto pensando dende Galicia, para demostrar que facer produtos na
nosa lingua pode ser rendible, por iso foi a versión na que máis cariño puxemos”.
Como dixemos,
para esta nova achega, os responsábeis de Gato Salvaje contaron co labor e a
experiencia de actores e actrices profesionais da nosa terra, como por exemplo
a devandita María Castro, á que cómpre engadir a Antonio Durán Morris, Miguel
Pernas ou Andrés Bellas, “profesionais de
longo percorrido” en palabras dos creadores desta aventura gráfica. Por
certo que o equipo gravou na propia cidade da Coruña as versións en castelán e
galego, pero para a adaptación ao inglés foi preciso realizar o desenvolvemento
do traballo en Londres mesmo. A versión en alemán levouse a cabo traducindo
directamente os subtítulos.
O videoxogo,
informan dende o estudo coruñés, recibiu críticas moi positivas en webs
especializadas, e acadou unha nota media próxima ao 8. Así foi en sitios de
recoñecido prestixio como Meristation, onde se salientou sobre todo o acabado técnico
e, tamén, a personalidade ben rematada e definida da protagonista: “Unha sarcástica, fachendosa, cínica e
absolutamente encantadora Alicia, á que sen dúbida botaremos de menos até
dentro duns meses, novembro máis ou menos, cando Gato Salvaje saque ao mercado
o segundo capítulo”.
A primeira
entrega de AR-K, titulado Sexo, mentiras
e traballos de clase, pode descargarse na web da empresa coruñesa por
5,95 euros. As razóns de ter presentado este traballo en entregas débense,
informan, a un interese por rendibilizar ao máximo o investimento, abaratando
custos e acurtando tempos de traballo. “Para
competir nun mercado como o dos videoxogos con poucos recursos, é importante
ter claros os límites que podes alcanzar. Por iso decidímonos por un produto
independente, de baixo prezo, pero de alta calidade”, puntualiza Sergio
Prieto.
Un pouco de historia
Prieto e os seus
socios Javier Vara Calviño e Javier Vilar Ortiz tiveron a idea deste proxecto
mentres o tres cursaban o máster de animación 3D MAISCA, na Universidade das
Balears. En lugar de emigrar, decidiron investir a súa formación e coñecementos
en desenvolver un produto innovador desde a súa propia terra. O resultado é un
produto con sabor independente, pero cunha presentación gráfica moi por enriba
do que adoita ser habitual en empresas pequenas. O seu mérito é maior, aínda, ao non contar os
seus creadores con ningún tipo de axuda ou subvención oficial.
Esta aventura
gráfica conta a historia de Alicia, unha estudante de xornalismo cuxa vida
transcorre nunha sociedade utópica, onde todas as necesidades parecen estar
cubertas. Con todo, vive en primeira persoa unha serie de acontecementos que
lle fan dubidar do que cre saber sobre o seu mundo. O achado dun misterioso
obxecto lévaa a introducirse nunha complicada trama de investigación, na que
terá que detectar todas as mentiras que separan a aparencia da realidade.