Máis de 11.000 títulos configuran a colección de videoxogos máis grande do mundo

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Nestas datas está a cumprir anos unha colección de videoxogos que recibiu o recoñecemento do Guinness World Records 2014 Gamer’s Edition (que estreou hai pouco a súa edición de 2014) por considerase a máis grande do mundo, cos 10.607 xogos que xuntou Michael Thomasson no seu fogar de Buffalo. Esta inmensa colección iniciouse hai 31 anos, cando Thomasson só tiña 12 anos e recibiu como agasallo de Nadal o xogo de Colecivision Cosmic Avenger, iniciando unha paixón por facerse con todos os xogos que podía en VHS, casete, cartucho, LaserDisc... e todo cando soporte e plataforma podía.
Thomasson non se limitou a conseguir as típicas Xbox e PlayStation, senón que tamén garda xoias como a xaponesa Casio Loopy e a fracasada Pippin de Apple, aínda que esta colección ten aínda máis mérito se consideramos o feito de que puxo o contador a cero en dúas ocasións, xa que en 1989 vendeu os seus xogos para poder mercar unha Mega Drive, e en 1998 repetiu a operación para sufragar a súa voda.
A reconstrución da colección foi metódica, coa adquisición duns 2 xogos por día cun orzamento anual de 3.000 dólares, conseguindo unha recompilación que podería valorarse entre 700.000 e 800.000 dólares. A anterior marca no Guinness estaba nos 8.616 xogos en 2010, e actualmente Michael Thomasson ten xa máis de 11 mil títulos, converténdose en todo un experto na material, que imparte clases sobre historia e deseño de videoxogos e de animación 2D.

Michael Thomasson tiña 10.607 xogos cando recibiu o recoñecemento do Libro Guinness dos Records

PUBLICIDADE