MUVI, o Museo do Videoxogo, abrirá as súas portas o sábado

martes, 29 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro sábado Cangas do Morrazo vai poder presumir de ser a primeira vila galega en contar cun museo do videoxogo, o MUVI, que busca combinar diversión e estudo a partes igual grazas á iniciativa dos irmáns Jacobo e Galo Martínez, que dende os anos 80 gozan dos videoxogos e manteñen unha completa colección de xogos e trebellos que converteranse nunha ferramenta para divulgar a cultura do videoxogo.
Os responsables do MUVI están convencidos de que os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, e queren compartir a súa visión co mundo con esta iniciativa que finalmente adopta a forma dun museo.
Este proxecto está integrado na asociación Retrogalaicos (de aí que participasen en Retrosantiago, Retrovigo e Faneka Gaming), pretende adherises a videoxogos.gal, e finalmente poderá amosar a súa colección ao público aproveitando a apertura do espazo Trebella, que reservou 50 metros cadrados para a exposición da colección de consolas e xogos, así como para a organización de charlas, exposicións e outros eventos que organice o MUVI nos espazos multifuncionais de Trebella en determinadas fins de semana.
A apertura do espazo de traballo Trebella, na rúa Andalucía, 10 de Cangas, terá lugar o día 2 ás 12:00 horas, nunha festa de inauguración na que actuarán en acústico La casa de los ingleses, acollendo tamén a sede unha mostra de arte contemporánea de Mauro Trastoy, Santi Jiménez e Begoña Pastoriza.

No MUVI pode verse unha completa colección de consolas de distintas décadas
A colección do MUVI chega ao público a través dun espazo en Trebella
O MUVI é unha boa oportunidade para ver en persoa as primeiras consolas de videoxogos
Os xogos modernos tamén teñen o seu espazo no MUVI
O espazo quere transmitir a visión do videoxogo como manifestación cultural

Vídeo promocional do MUVI

PUBLICIDADE