MPC-HC publica a súa derradeira versión

luns, 17 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Durante anos moitos usuarios de Windows rexeitaron o uso do reprodutor multimedia incluído no sistema operativo de Microsoft e incluso de alternativas tan populares como VLC para elixir unha aplicación baseada no Reprodutor Multimedia de Windows na súa versión 6.4 chamada Media Player Classic, que rematou derivando en MPC-HC, reprodutor lixeiro e de código aberto que ofrece unha grande variedade de opcións de personalización, de xeito que os usuarios teñen un grande control sobre a reprodución multimedia, pero este proxecto foi decaendo ao perder desenvolvedores, de xeito que co lanzamento da súa versión 1.7.13 despídense no que pensan que será a derradeira versión estable da aplicación.
MPC-HC é un proxecto con 11 anos de vida que quedou definitivamente sen responsables que collan as súas rendas, de xeito que quedará conxelado até que xorda alguén con experiencia en C/C++ que teña auténtica intención de contribuír en manter viva esta aplicación que podemos continuar a descargar nas súas versións para Windows de 32 e 64 bits (compatibles con sistemas operativos a partires de Windows XP SP3).

PUBLICIDADE